Convivencias de 2.º de Bacharelato no Mosteiro de Bergondo

135

O alumnado de 2.º de Bacharelato desfrutou despois da primeira tanda de exames, dunha convivencia moi especial no Mosteiro de Bergondo, un espazo perfecto para desconectar do ritmo académico e vivir uns días de reflexión, equipo e crecemento persoal. A actividade tivo lugar dende o mércores á tarde ata o venres ao mediodía, un tempo no que os rapaces e rapazas puideron convivir, colaborar e compartir momentos que reforzan os vínculos nun curso tan decisivo.

Durante estes días, o grupo participou activamente na organización das tarefas domésticas: preparar as comidas, poñer e recoller a mesa, fregar, colaborar na cociña… Unha dinámica sinxela pero moi enriquecedora que favorece a responsabilidade, o compañeirismo e a importancia de coidar os espazos comúns. As sobremesas, cheas de risas, conversa e boa convivencia, convertéronse nun dos momentos máis valorados da experiencia.

As distintas dinámicas propostas estiveron centradas na toma de decisións, o futuro académico e persoal, e a reflexión sobre os valores que guían a vida de cada un: a familia, a amizade, o ocio, o traballo ou o crecemento persoal. Un espazo para parar, pensar e compartir inquietudes e expectativas nun ano marcado por eleccións importantes.

A convivencia incluíu tamén unha pequena saída pola zona, cunha camiñada ata a igrexa de Santa Marta de Babío, un percorrido breve pero significativo que permitiu ao grupo coñecer mellor a contorna, desconectar e conversar nun ambiente tranquilo e natural.

Antes de regresar a Coruña, quedaba aínda unha última dinámica preparada polo equipo acompañante, pechando así tres días intensos nos que houbo tempo para todo: reflexión, aprendizaxe, humor, convivencia e vida compartida.

Unha convivencia que, sen dúbida, deixa pegada e que os prepara para seguir camiñando xuntos neste curso final tan especial.

Previous article25 N – Día internacional da eliminación da violencia contra a muller
Next articleTitorías 2º ESO – ADAFAD