Visita extraordinaria Don Fabio Attard

156

GRAZAS, DON FABIO!!! Hoxe rematou a Visita Extraordinaria á Casa Salesiana de A Coruña

Don Fabio Attard (Malta, 1959) estivo connosco dende o domingo 15 de outubro, realizando a Visita Extraordinaria en nome do Reitor Maior, Don Ángel Fernández Artime, que ten a obriga de visitar (el ou enviando a alguén no seu nome) todas as Inspectorías do mundo cada seis anos.

O Reitor Maior, no comunicado no que nomeaba a Don Fabio como Visitador Extraordinario, afirmaba que convocaba a visita “co desexo de intensificar máis a mutua comuñón entre nós, de coñecer a vida de cada unha das casas e de prestar un servizo fraterno á Inspectoría”.
Don Fabio mantivo encontros con cada un dos salesianos, cos segrares con cargos de responsabilidade e cos equipos coordinadores dos distintos ambientes, ademais de atoparse coa Familia Salesiana da cidade e co Consello da CEP (Comunidade Educativo Pastoral) e o Equipo Local de Pastoral Xuvenil.

Non perdeu tampouco a oportunidade de dirixir unhas palabras ás persoas educadoras dos distintos ambientes nin de dar os Bos Días ao alumnado do colexio.
Durante estes días, partindo en cada encontro da escoita do que os distintos membros lle tiñamos que dicir, deunos despois un eco do que lle resoaba de todo o percibido.

A visita rematou coa lectura da carta final á comunidade salesiana, carta na que deixa escritos os desafíos a afrontar nos próximos anos e, sobre todo, o recoñecemento ao labor realizado e o ánimo e a compañía na oración de cara a seguir desenvolvendo a misión educativo-pastoral que o Señor lle pide a esta, a nosa Casa.

Grazas, Don Fabio, por ser entre nós un “irmán entre irmáns”.

 

Previous articleBenvida aos nenos e nenas de 4º de Infantil
Next articleConvivencias 6º EP