Participamos no III Congreso “Intelixencia Artificial e Educación”

116

O pasado sábado 11 de abril, os profesores do departamento de Ciencias, Rubén e Lara, participaron no III Congreso “Intelixencia artificial e educación. Da comprensión técnica ao impacto humano”, organizado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia e celebrado no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. O encontro reuniu preto de mil profesionais do ámbito educativo interesados en analizar o impacto da intelixencia artificial no ensino e compartir experiencias sobre a súa aplicación na aula.

Durante a xornada, as persoas asistentes puideron participar en conferencias plenarias, charlas simultáneas e obradoiros prácticos centrados no desenvolvemento de competencias dixitais e na reflexión sobre as implicacións pedagóxicas e humanas da intelixencia artificial. O congreso contou con once obradoiros, catro charlas simultáneas e tres conferencias plenarias, ademais da participación de relatores de ámbito internacional, o que permitiu ofrecer unha visión ampla e actualizada do uso destas tecnoloxías no contexto educativo.

Rubén e Lara participaron no obradoiro “Metodoloxías activas de aprendizaxe melloradas con tecnoloxías intelixentes”, impartido por Raúl Diego Obregón, no que se traballou o deseño de metodoloxías activas apoiadas na intelixencia artificial e a súa aplicación práctica na aula. Así mesmo, asistiron á sesión dedicada á regulación da intelixencia artificial en Europa e as súas implicacións educativas, presentada por María Esteller, que abordou os principios do novo marco normativo, os enfoques de risco e os retos para unha implementación segura e responsable nos centros educativos. Tamén se trataron outros temas como a influencia da tecnoloxía e da intelixencia artificial na saúde mental.

A xornada incluíu tamén a conferencia plenaria “Xemelgos xerativos para deseñar o ensino en tempos de IA”, na que Mariana Ferrarelli presentou unha visión da aula como un espazo de colaboración entre persoas e sistemas tecnolóxicos para potenciar a creación e validación do coñecemento.

A participación neste congreso reforza o compromiso do centro coa formación continua do profesorado e coa incorporación de metodoloxías innovadoras que preparen ao alumnado para os retos educativos e tecnolóxicos do futuro.

Previous articlePor que estudar Bacharelato Dual Americano no noso centro?
Next articleFeira académico-profesional para orientar o futuro do alumnado