Semana de Nadal

196

Actividades de Nadal en Infantil e Primaria

Durante a última semana de curso, o alumnado de Educación Infantil e Primaria participou en numerosas actividades para despedir o trimestre e dar a benvida ao Nadal.

Ao longo das catro semanas previas, a comunidade educativa preparouse para este tempo tan especial a través do Advento. Cada semana foise abrindo unha xanela simbólica cun personaxe bíblico que nos axudou a reflexionar e a vivir a espera con ilusión. Os protagonistas deste percorrido foron Noé, San Xoán Bautista, o anxo Gabriel e San Xosé, culminando o venres coa apertura da última xanela.

Portas de Nadal

Ao comezo do mes, cada aula decorou a súa porta con temática de Nadal para ambientar os corredores do colexio. Grazas á creatividade e ao esforzo do alumnado e do profesorado, o centro encheuse de cor, alegría e espírito de nadal.

Obradoiros interetapa e actividades de ciclo

Durante a última semana realizáronse obradoiros con temática de Nadal e actividades de ciclo que permitiron compartir tempo con compañeiros e compañeiras doutros cursos. Estas propostas fomentaron a convivencia, a colaboración e o goce nun ambiente lúdico e educativo.

Visita especial: Paxes Reais

O alumnado de Infantil tivo a oportunidade de recibir unha visita moi especial. Os Paxes Reais, enviados polas Súas Maxestades de Oriente, acudiron ao colexio para recoller as cartas dos máis pequenos e facerlles chegar os seus desexos nestas datas tan máxicas.

Panxoliñas Bosco Tour

Por grupos, o alumnado saíu a diferentes zonas do barrio para encher as rúas de música, panxoliñas e alegría. Moitas familias acompañáronnos ao longo da mañá, compartindo momentos moi especiais e levando o espírito do Nadal fóra do colexio.

Fin de festa: celebración da Palabra e badaladas en familia

Como broche final, a última tarde celebramos unha Celebración da Palabra na igrexa, onde demos grazas polo trimestre compartido e abrimos xuntos a xanela completa do Advento.
Para pechar a xornada, gozamos dunhas badaladas en familia, acompañados polas familias que puideron asistir, poñendo un peche emotivo e festivo a estes días tan especiais.

Festival de panxoliñas en ESO e Bacharelato.

O alumnado de secundaria gozou as últimas horas lectivas do 2025 cantando e tocando panxoliñas nun animado festival, concluíndo a xornada todos xuntos no pavillón compartindo nosas tradicionais badaladas e os doce Lacasitos.

Previous articleVisita á exposición Ítaca – 1º BTO
Next articleCharlas sobre saúde ANPA