
O alumnado de primeiro de Bacharelato de Economía realizou unha visita á Fundación Abanca para coñecer a exposición Ítaca, unha proposta que vincula a mitoloxía clásica e a viaxe de Ulises con conceptos económicos de gran relevancia como a inflación ou os riscos do endebedamento. A actividade comezou cun percorrido interactivo no que os alumnos e alumnas, provistos dun caderno, debían atopar as respostas nos distintos espazos da mostra, o que lles permitiu aprender dunha maneira dinámica e participativa. A continuación, participaron nun obradoiro práctico no que cada grupo representaba unha familia cun orzamento mensual e debía tomar decisións sobre a distribución dos seus gastos en vivenda, alimentación, transporte, lecer e outros ámbitos, enfrontándose á dificultade de equilibrar as contas familiares. A xornada resultou especialmente enriquecedora ao combinar cultura, historia e economía, ofrecendo ao alumnado unha experiencia formativa que lles permitiu reflexionar sobre a xestión dos recursos e a importancia da planificación financeira na vida cotiá.



