O noso alumnado certifica a súa Competencia Dixital

138

Hoxe, luns 10 de marzo, 33 alumnos de 2º de Bacharelato presentáronse ao exame de certificación da Área 4 (Seguridade) do nivel intermedio de Competencia Dixital.

O Marco Galego de Competencias Dixitais determina os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade usuaria de servizos dixitais avanzados, mellora profesional e benestar colectivo.

Nace para dar resposta á necesidade de conseguir unha cidadanía dixitalmente responsable nun contexto no que a relación coa Administración, a vida cotiá e o emprego requiren o uso continuado das tecnoloxías da sociedade da información. Para iso, desenvolveranse unha serie de áreas e competencias dixitais que servirán de referencia.

Vivimos nunha sociedade en constante cambio tecnolóxico e dixital, polo que é necesario adquirir e/ou mellorar unha serie de competencias para poder participar nela, tanto a nivel persoal (comunicarse, realizar trámites, buscar información, lecer…) como profesional (formación, busca de emprego, desenvolvemento laboral, perfeccionamento profesional…). De aí a necesidade dun novo certificado en competencias dixitais, que deberá renovarse cada cinco anos para que os coñecementos e habilidades dixitais se adapten ás necesidades e demandas do entorno dixital.

Por este motivo, desde o centro ofrecemos ao alumnado de 2º de Bacharelato a posibilidade de participar nesta certificación, que lles abrirá portas tanto no ámbito educativo como no profesional, dentro da nosa proposta de formación integral e do noso proxecto de innovación e dixitalización do Centro.

Previous article1° e 2°EP visitamos a Casa do Queixo
Next article8M Día Internacional da Muller