
Durante os últimos días, a nosa comunidade educativa estivo volcada na Campaña de Mans Unidas 2025, cuxo lema, “Compartir é a nosa maior riqueza”, recordounos a importancia da solidariedade e o compromiso con quen máis o necesita.
Ademais das distintas actividades de sensibilización, ao longo da semana pasada e desta semana, contamos coa “Tendiña Solidaria”, un espazo onde o alumnado puido mercar produtos de Mans Unidas, como calcetíns, bolígrafos, material escolar, mochilas, botellas termo, entre outros artigos, cuxa recadación contribúe directamente á campaña.
En Secundaria, os alumnos participaron nunha tutoría especial, na que, a través dun xogo de role-playing, experimentaron como é vivir con diferente cantidade de recursos. Esta dinámica permitiulles reflexionar sobre a desigualdade e as dificultades que enfrontan moitas persoas en distintas partes do mundo, fomentando a empatía e a conciencia social.
Hoxe, mércores 26 de febreiro, celebramos un dos momentos máis significativos da campaña co xesto do Bocata e o Biscoito Solidario. Todos os alumnos e alumnas, xunto co profesorado e o persoal do centro, participaron activamente nesta iniciativa, colaborando con Mans Unidas.
Tras a comida solidaria, compartimos un tempo de convivencia moi especial entre alumnos e profesores, disfrutando xuntos dunha animada partida de kin-ball, un momento perfecto para reforzar a unión e os valores que nos inspiran nesta campaña.
Queremos facer unha mención especial ás empresas IPASA e Hijos de Rivera, cuxo apoio e colaboración foron importantes para o desenvolvemento desta campaña. A súa implicación co noso centro e con esta causa solidaria demostra o impacto positivo que podemos xerar cando traballamos xuntos por un mundo máis xusto e equitativo.
Agradecemos a toda a comunidade educativa, en especial ás familias, pola súa colaboración e participación nesta actividade, que non só nos permite aportar o noso grans de area a quen máis o necesita, senón que tamén nos axuda a crecer en valores de solidariedade, empatía e compromiso social.
¡Grazas a todos por facer destes días un gran exemplo de xenerosidade e compañeirismo!



