
O venres 20 de setembro de 2024 foi un día especial neste curso que temos por diante, xa que celebramos a inauguración oficial do curso en todas as etapas: dende infantil ata bacharelato.
A xornada comezou para todos coa proxección da memoria anual do curso pasado, lembrando moitos momentos cos que soñamos durante o curso anterior: “Hai un soño para ti!”. Moitos soños que intentamos facer realidade durante os nove meses que durou o curso 23-24…
… e que nos levaron a comezar este novo curso mirando cara ao futuro: convivindo. Todos os compañeiros e compañeiras de clase estaremos xuntos moitas horas, compartiremos moitos momentos… por iso o futuro temos que construilo xuntos sumando as nosas capacidades, calidades, bo rollo, axuda, respecto…
E como di a canción, o futuro comeza hoxe. Así que construímos a nosa “cápsula do tempo” que abriremos ao finalizar o curso. Gardamos algo moi especial dentro…
Continuou a mañá celebrando xuntos, como Centro, e cunha das sorpresas da mañá… ¡unha máquina do tempo! ¡Alí quedaron gardadas as nosas cápsulas do tempo! Que pasará ao final do curso con esta máquina? Pantalla, fume,… ¡todo un misterio! Cantamos, demos a benvida aos compañeiros de 3 anos que chegan novos ao cole e contamos tamén co noso amigo Xesús, e coa súa nai María, para camiñar cara ao futuro, como guía, compañeiro que nos invita a convivir e agradecer.
Finalizou a xornada con todos os alumnos dando vida repartidos en diferentes puntos da cidade: na Torre de Hércules, a praia das Lapas, a contorna da cárcere ou o parque do Matadoiro. Con xogos tradicionais como o pano ou o brilé, e outros como o oso larpeiro, pato-pato-oca ou o rodillo, gozamos e compartimos cos nosos compañeiros, coñecéndonos, enchendo de alegría e sorrisos un futuro que hoxe xa se converteu nun chisquiño de presente.
E aquí unha selección das fotos da xornada:



