
Este sábado vivimos unha xornada moi especial con motivo da tradicional Festa da Unión da nosa Asociación de Antigos Alumnos de Don Bosco. Unha celebración que este ano tivo un significado aínda máis especial: a nosa asociación cumpre nada menos que 100 anos de historia!
Un século de encontros, amizade e lembranzas compartidas por milleiros de antigos alumnos que, ao longo dos anos, pasaron polas aulas do noso colexio. Entre eles, tamén catro exalcaldes da cidade: José Manuel Liaño Flores, Domingos Merino, Joaquín López Menéndez e Javier Losada, todos eles antigos alumnos de Don Bosco.
A xornada foi unha magnífica oportunidade para reencontrarse cos compañeiros, lembrar vellos tempos e volver percorrer os espazos que formaron parte de tantas historias persoais. Tiveron un protagonismo especial aqueles que remataron os seus estudos hai 25 ou 50 anos e que regresaron ao colexio para descubrir canto cambiou e, ao mesmo tempo, canto permanece daqueles anos.
Momentos cheos de emoción, sorrisos e anécdotas que nos lembran que o paso polo colexio deixa pegadas que perduran toda a vida.
Cen anos de historia, amizade e espírito salesiano ben merecen unha gran celebración! Grazas a todos os antigos alumnos que formades parte desta gran familia. Porque, aínda que pasen os anos, tal e como di o lema deste curso: ESTA É A VOSA CASA!



