Inauguración curso escolar 26-27

5

Esta é a tua casa: unha xornada para encontrarnos e celebrar.

Aínda que o curso leva varias semanas en marcha, hoxe vivimos unha desas xornadas que marcan o calendario escolar: a celebración oficial do curso 2026-2027 baixo o lema «Esta é a túa casa».

A mañá comezou de maneira diferente segundo as etapas. En Educación Infantil e Primaria, o alumnado compartiu un tempo nas súas aulas, reflexionando sobre o lema do curso e elaborando unhas chaves simbólicas que nos acompañarán ao longo destes meses. Un xesto sinxelo para lembrar que o colexio é un lugar de encontro, crecemento e convivencia para todas as persoas.

Mentres tanto, o alumnado de ESO e Bacharelato reuniuse no salón de actos para gozar da memoria audiovisual do curso 2025-2026. Un percorrido por algúns dos momentos, experiencias e lembranzas que nos deixou o curso pasado e que serviu como punto de partida para afrontar con ilusión todo o que está por vir.

Despois, cada grupo dedicou un espazo de titoría a afondar no significado do lema deste ano, antes de reunirse nunha celebración conxunta que congregou a todo o alumnado do centro. Foi un momento especialmente significativo para darlles a benvida a quen comeza a súa andaina entre nós: os nenos e nenas de 3 anos e o novo alumnado que este curso pasa a formar parte da nosa familia escolar.

A xornada continuou con actividades adaptadas a cada etapa. Infantil e Primaria trasladáronse ao teatro para gozar da memoria fotográfica do curso pasado, un percorrido cheo de lembranzas, sorrisos e vivencias compartidas.

Tras o recreo, chegou un dos momentos máis agardados da mañá: unha divertida festa da escuma que encheu o patio de alegría e entusiasmo.

Pola súa banda, o alumnado de ESO e Bacharelato desprazouse ata a praza de María Pita para participar en «O enigma de María Pita». A través de diferentes retos de orientación, historia e matemáticas, os equipos tiveron que seguir pistas, resolver enigmas, observar a súa contorna e poñer a proba a súa capacidade de razoamento e de traballo en equipo. Unha actividade interdisciplinaria que permitiu descubrir algúns dos segredos e elementos históricos da cidade mentres se aprendía dun xeito diferente, fóra das aulas.

Unha xornada para atoparnos, lembrar o vivido e seguir construíndo xuntos todo o que está por vir. Porque, máis alá das aulas, dos proxectos e das actividades, un colexio é o lugar onde cada persoa atopa o seu espazo. E iso é precisamente o que nos lembra o lema que nos acompañará este curso: esta é a túa casa.

 

Previous articleUnhas botas, mil risas e Santiago aos nosos pés!