Unhas botas, mil risas e Santiago aos nosos pés!

48

O pasado mércores, os rapaces e rapazas de 3º da ESO cambiaron os libros de texto e os pupitres polas mochilas, as botas de sendeirismo e, sobre todo, moitísimas ganas de pasalo ben. Durante tres días inesquecibles, percorreron as últimas etapas do Camiño de Santiago nunha aventura chea de convivencias, gargalladas, algún que outro pé canso e moita, moita vida.

A travesía comezou o mércores coa primeira etapa ata O Pedrouzo. Entre cancións, conversas entre amigos e os primeiros “canto queda?”, os nosos camiñantes devoraron os quilómetros case sen darse conta, demostrando que en equipo todo se fai máis levadeiro.

O xoves chegou o momento estrela: a entrada en Santiago de Compostela! A emoción de ver de lonxe as torres da catedral fixo esquecer calquera cansazo. Unha vez na cidade, o grupo aloxouse no histórico Seminario Maior e viviu unha noite moi especial cun ceo único: un cea de película no maxestoso Seminario Menor, un lugar impresionante que nos fixo sentir “como en casa”.

Para pechar esta viaxe inesquecible, o venres visitamos a Catedral de Santiago e compartimos unha emotiva celebración xunto aos nosos compañeiros dos colexios Salesianos de Ourense e Cambados. Foi o broche de ouro perfecto para conectar con mozos e mozas que comparten o noso mesmo espírito salesiano.

Volvemos a aulas cunha mochila chea, pero non de peso, senón de recordos, risas, momentos de reflexión e unha amizade aínda máis forte. Parabéns a todos os camiñantes! Agora toca descansar… e pensar na vindeira aventura!

Aquí vos deixamos unha mostra dos momentos compartidos!

Previous articlePrimeira semana dos peques do cole superada!