• Lema do curso

“ESTA É A TÚA CASA”
(Lema do curso 2026-2027)

Os “Protagonistas da historia” seguen activos, pois cada quen continúa proxectando a súa vida. E todos seguimos transformando a realidade coas nosas decisións. Non somos espectadores, senón actores fundamentais que escriben páxinas irrepetibles dunha historia persoal e colectiva que é sempre unha historia de salvación.

E a vida, como reflexo da historia, insiste e lembra que “ESTA É A TÚA CASA”. E lémbrano agora que se cumpre o sesquicentenario (150 anos) da publicación do agasallo pedagóxico do Sistema Preventivo polo que toda presenza salesiana se manifesta como “casa que acolle, escola que educa, parroquia que evanxeliza e patio onde atoparse con amigos”.

A seren claros e contundentes. “Asómate, con liberdade” que “ESTA É A TÚA CASA”. Formas parte dunha realidade que che ofrece as “portas abertas” co que supón neste intre, á túa idade, nas túas circunstancias…, e con todas as súas consecuencias. Nada queda á marxe nesta casa da vida. Contempla, mira, observa, grava na túa ollada unha realidade que está ao alcance da túa existencia. Así pois,… asómate con liberdade, cun amplo horizonte despregado.

Non teñas medo. “Entra, con confianza” que “ESTA É A TÚA CASA”. Que o que viches non só te impresione. Estás a intuír que é unha realidade con corazón; podes sentir os latexados do cariño nas persoas actuais e nas que nos precederon, porque esta, que é a túa casa, é tamén casa de Deus. “Onde hai amor, alí está Deus”. Séntete coma en casa. Dá á vida o sentido e a forza que xera a confianza do saberse dentro dunha contorna apropiada, privada e propia. Por tanto…, entra con confianza, sen medo.

E non te quedes cos brazos cruzados e o corazón distante. “Actúa, con xenerosidade” que “ESTA É A TÚA CASA”. Implícate o máis que poidas ofrecendo e dando vida… Asume compromisos e responsabilidades nalgún dos campos que cho ofrecen… Preséntanseche infinidade de posibilidades para que vivas e invites a vivir a experiencia do amor, da convivencia, da paz, do compromiso, da festa, do voluntariado… Pois por iso,… actúa con xenerosidade, non deixes pasar este momento.

Curso 2026-2027. Un tempo para facer posible e vital unha experiencia fundamentada na razón, a relixión e o amor. Non te quedes na teoría por moi interesante que pareza. Esta casa pode ser esencial na túa vida. Séntea como túa e cóidaa con cariño. Vive a vida na túa casa!

Curso 2026-2027. “Facede que todos os que viven na casa formen unha familia”. É o reto, a realidade, a conquista que xorde desta historia. Somos familia!

Curso 2026-2027. É hora de comezar. O protagonismo da historia dá paso á vida. Aproveita esta marabillosa e única oportunidade. “ESTA É A TÚA CASA!”.

Isidro Lozano