
Máis de 200 persoas participaron na primeira celebración de San Xoán organizada no patio de Salesianos, unha iniciativa que resultou ser un rotundo éxito e que permitiu desfrutar dunha das festas máis especiais e arraigadas da nosa cidade.
Desde última hora da tarde foron chegando os participantes da festa: familias, alumnado, antigos alumnos, educadores e veciños do barrio. Unha nova ocasión para atoparnos e compartir. A proposta gastronómica: sardiñas á brasa, chourizos, hamburguesas, cachorros quentes, empanada, tortilla, larpeiras, xeados… permitiron que cada persoa elixise o seu menú favorito mentres desfrutaba do ambiente festivo.
Unha vez máis, o noso colexio abriu as súas portas á contorna para demostrar que Salesianos é moito máis que un centro escolar. É un lugar de encontro, un espazo aberto onde a comunidade educativa reúnese para compartir conversacións, xogos, deporte, risos e tempo xuntos. O patio converteuse nese punto de encontro que tanto nos identifica: un lugar para convivir, para desfrutar e, como non, para facer festa!
Mentres os adultos charlaban, nenos e adolescentes xogaban no recinto pechado do patio. A noite foi avanzando ata chegar a un dos instantes máis esperados. Despois de cear e desfrutar do ambiente desde as 21.00 horas, trasladámonos ao patio cuberto de Infantil. Desde as súas amplas ventás, fronte á praia de Orzán, puidemos contemplar a queima de fállaa e o espectáculo de fogos artificiais que iluminou o ceo, poñendo o broche final a unha noite chea de emoción e tradición.
A celebración de San Xoán no cole foi unha noite de bo ambiente festivo. Unha noite para desfrutar, atoparnos e seguir facendo do colexio un espazo para vivir.



