
Os alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato participan nunha charla sobre responsabilidade fiscal
O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato da materia de Economía asistiu recentemente a unha charla organizada dentro do Programa de Educación Cívico-Tributaria, impulsado pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).
O obxectivo desta iniciativa é fomentar a conciencia fiscal entre os mozos, achegándolles o papel que desempeñan os impostos no sostemento dos servizos públicos e na construción dunha sociedade máis xusta e solidaria.
Durante a sesión, os estudantes participaron nunha proxección audiovisual e nunha actividade interactiva que lles permitiu reflexionar sobre a importancia de cumprir coas obrigacións tributarias e actuar con responsabilidade no ámbito económico.
Ademais, realizaron un pequeno test para medir os seus coñecementos e recibiron un obsequio como recoñecemento á súa participación.
A experiencia resultou moi enriquecedora, contribuíndo a que os alumnos comprendan mellor como a economía e a fiscalidade inflúen na súa vida cotiá e no benestar colectivo.



