Converxencias, Arte e Ciencia

12

Cal é a relación que existe entre a teoría da relatividade e o cubismo? Hai ecuacións matemáticas tras os símbolos románicos celtas? Que teñen en común a composición da mina dun lapis e a forma dun balón de fútbol? Por que as pipas dos xirasoles e as piñas crecen seguindo espirais de Fibonacci? A estas cuestións e a moitas outras lle demos resposta o alumnado de Expresión Artística de 4ºESO na súa visita á exposición e obradoiro Converxencia, Arte e Ciencia, organizada pola Institución Galega de Ciencia (IGACIENCIA) e o Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña.

Descubrimos que tamén existen rimas plásticas, ademais de sonoras, e que se consiguen facendo reflexións simétricas, traslacións e xiros sobre partes da obra de arte. Analizamos obras artísticas creadas con xeometría fractal e como as árbores da peli de Avatar foron creadas co método de iteración L-systems.

O obxectivo foi experimentar, unha vez máis, as sinerxias e vínculos entre a arte e a ciencia, unha maneira de traballar a ciencia e a arte en proxectos conxuntos, que impliquen ámbolos dous polos nun enfoque interdisciplinar, propiciando o tratamento STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas) na aula.

 

Previous articlePreparados, listos… Festa de Don Bosco!!!
Next articleViaje a la nieve de 2ºESO