Fálame da emigración co 3ºESO

25

Afundación colaborou un ano máis co noso centro nunha nova edición do seu programa interxeracional «Fálame da emigración», tras a súa interrupción desde 2020 como consecuencia da pandemia. Achegar ao alumnado de secundaria as experiencias das persoas maiores na emigración é o fío condutor deste proxecto, no que participaron desde o seu inicio estudantes de secundaria de 20 centros educativos de toda Galicia, en que a partir do relato experiencial da emigración vivido en primeira persoa, doutros recursos didácticos proporcionados por Afundación (documentais, guías didácticas, etc.) e de traballos dos escolares sobre os seus vínculos familiares coa emigración, alumnado e maiores establecen un diálogo e reflexionan acerca das motivacións para emigrar, as dificultades, as aprendizaxes, as semellanzas da emigración das persoas maiores e a actual. Este proxecto proporciona un marco de aprendizaxe non formal que favorece a curiosidade, a empatía e a motivación do alumnado, á vez que contribúe a establecer vínculos entre estudantes e maiores baseados na escoita, o respecto e o recoñecemento mutuo e a desmontar estereotipos por ambas as partes, en liña co modelo de educación transformadora promovido por Afundación. Doutra banda, seguindo a liña estratéxica de «O valor da experiencia» da Área de Maiores da entidade, o proxecto favorece que as persoas maiores se sintan escoitadas, útiles e que vexan recoñecida a súa contribución á comprensión dun capítulo esencial da nosa historia recente.
No encontro que se celebrou esta mañá no noso colexio catro persoas voluntarias do Espazo+60 Afundación, Maricarmen, Rosa, Joaquín e Emilio reuníronse cos nosos estudantes de 3º de ESO para dialogar na aula sobre a experiencia dos maiores na emigración e a visión de ambos sobre o pasado e o presente dos movementos migratorios. Todo un intercambio realmente enriquecedor.

Previous articleAgradecemento a Juan Paradela
Next articleÁngel Carracedo falando de “Xenómica e aplicacións clínicas”