Visita o feirón!

144

Seguro que máis dun escoitou falar do feirón que temos montado este ano no cole. E se non é así agora mesmo volo contamos.

Os nenos e nenas de segundo e terceiro levamos un montón de tempo preparando o espazo de vida deste ano. Un lugar onde poder poñer en práctica as cousas que aprendemos no cole en situacións da vida diaria.

Así que este ano montamos un feirón. Empezou estando todo baleiro pero axiña comezamos a pensar nos postos que nos gustaría ter. Un posto de teas, outro de froita e verdura, un posto de pan e outro con mel, ovos e queixo e tamén unha furgoneta “Petiscos” onde mercar algo de comer elaborado por se nos entra a fame. Pode ser que atopes churros, polbo, pizzas ou hamburguesas dependendo da semana que vaias. Logo empezamos a preparalo todo: carteis, ambientación dos postos, produtos,… fixemos o pan, as pizzas, todo o que levan as hamburguesas. E para iso tamén pedimos o permiso municipal para poder instalar os nosos postos ou sacamos un carné de manipuladores para poder tocar os alimentos.

Pouco faltaba para abrir, tiñamos carteiras con cartos preparadas, o horario xa listo e ata fixemos carteis anunciando onde estaba o feirón.

Así que comezamos o que máis nos gusta… a xogar. A recrear distintas situacións onde nos pode tocar mercar, vender, facer unha lista da compra, … Din que todos son moi atentos e os produtos comentan que son de moi boa calidade.

Neste trimestre sumáronse os peques de primeiro, que tamén están a montar o seu feirón.

Seguirémosvos contando como vai a cousa pero para que poidades ver todo o que acabamos de comentar deixámosvos algunhas fotos do bonitiño que quedou.

Previous articleProxecto seres vivos 5º EP
Next articleNoraboa Anxo Vázquez