Actividades Extraescolares do curso 2026-2027

22

Aprender, descubrir novas afeccións, facer deporte, desenvolver a creatividade ou compartir tempo cos compañeiros. As actividades extraescolares son moito máis ca unha proposta para as tardes: son unha oportunidade para seguir medrando, gozando e educándose nun ambiente próximo e familiar.

Xa está dispoñible a oferta de actividades extraescolares para o curso 2026-2027, pensada para acompañar ao alumnado desde Educación Infantil ata Bacharelato. A programación inclúe propostas adaptadas a cada etapa educativa, ofrecendo alternativas para todos os intereses: deporte, arte, idiomas, tecnoloxía, música ou creatividade.

Os máis pequenos poderán iniciarse en actividades como Música e Movemento, Little English, Multideporte, Minichef, Teatro ou Mans Creativas, mentres que en Primaria a oferta amplíase con Robótica, ESMUSA, Francés, ademais das propostas deportivas e artísticas. Para o alumnado de ESO e Bacharelato continuarán actividades como Teatro, PAIS, Francés, Baloncesto, Fútbol Sala, Judo, Tenis de Mesa ou Xadrez, entre outras.

Todas elas comparten un mesmo obxectivo: seguir educando máis aló do horario lectivo, favorecendo o desenvolvemento de habilidades persoais, sociais e académicas nun contorno baseado nos valores do Sistema Preventivo de Don Bosco. Son espazos nos que o alumnado aprende a traballar en equipo, desenvolve a súa autonomía, descobre novos talentos e crea vínculos que enriquecen a súa experiencia no colexio.

Animamos a todas as familias a consultar a oferta completa de actividades e a elixir aquelas que mellor se adapten aos intereses dos seus fillos e fillas. Toda a información sobre horarios, idades, funcionamento e inscricións está dispoñible no apartado de Actividades Extraescolares da nosa páxina web.

As tardes tamén educan. E en Salesianos A Coruña queremos seguir acompañando ao noso alumnado para que continúe sendo protagonista da súa propia historia.

Previous articleA noite máxica de San Xoán en Salesianos