
O alumnado de 3º ESO, na materia de Física e Química, desenvolveu durante os últimos meses un proxecto de aprendizaxe colaborativa e investigación científica titulado “Radioactividade: amiga ou inimiga?”. Tamén participaron neste proxecto alumnos e alumnas de 1º ESO na materia de Tecnoloxía e Dixitalización e de 1º de BTO na materia de TIC. Aprendizaxe colaborativa, traballo en equipo, intelixencia artificial, programación ou deseño gráfico foron algunhas das propostas para desenvolver este proxecto interdisciplinar e interetapa no que participaron máis de 100 alumnos e alumnas.
A proposta principal organizouse mediante unha metodoloxía de grupos especialistas, na que cada equipo investigou e aprofundou nun dos seis bloques temáticos do proxecto:
- Conceptos fundamentais
- Pioneiros e impacto físico
- Fontes de exposición diaria
- Alimentación e viaxes
- Medicina e tecnoloxía
- Enerxía e residuos
Ao longo de varias sesións, cada grupo especialista realizou procesos de busca, selección, análise e síntese de información científica, elaborando dossieres técnicos e presentacións divulgativas para posteriormente compartir as súas aprendizaxes co resto da aula. Deste xeito, o alumnado non só investigou o seu propio bloque, senón que construiu un aprendizaxe global e colaborativo a partir das explicacións do resto dos compañeiros e compañeiras.
Como peche do proxecto, moitos dos coñecementos traballados puxéronse en práctica e contextualizáronse nun feito real (o accidente radiolóxico de Goiânia en 1987) a través da visualización e análise do primeiro capítulo da serie de Netflix “Emerxencia Radioactiva”, onde o alumnado puido identificar e comprender, nun contexto audiovisual e aplicado, conceptos científicos abordados durante o proxecto: tipos de radiación, medición de doses, riscos reais de exposición, control dosimétrico do persoal exposto, síndrome agudo de radiación, contaminación radioactiva ou o funcionamento de instalacións radioactivas e centros de dosimetría.
Ademais, o alumnado tivo a oportunidade de observar o funcionamento real dun contador Geiger-Müller, comprendendo como se detecta e cuantifica a radiación mediante unidades como as CPM ou os µSv/h. Neste sentido queremos agradecer especialmente a colaboración de Applus Norcontrol SLU (compañía líder a nivel mundial en servizos de Inspección, Ensaios e Certificación), que cedeu o equipo de medición utilizado durante a actividade, permitindo achegar a ciencia experimental e a instrumentación real á aula.
O uso da intelixencia artificial serviu para reflexionar sobre o uso das tecnoloxías emerxentes e para introducir ao alumnado na importancia das instrucións e indicacións á hora de xerar respostas máis ou menos axeitadas ás necesidades do proxecto. O deseño gráfico foi un punto importante á hora de realizar os diferentes elementos do produto final, tanto do cartel no que se resume o proxecto, como da interface gráfica dos diferentes xogos interactivos. E, por último, o pensamento computacional foi un aspecto clave á hora de realizar a programación do hardware e do software utilizado.
Un proxecto no que ciencia, pensamento crítico e divulgación se uniron para responder a unha pregunta que segue xerando debate na nosa sociedade: a radioactividade… ¿amiga ou inimiga?. Se estás interesado en coñecer o resultado, non dubides en visitar a nosa xaimia (número 48) no Día da Ciencia na Rúa o sábado 9 de maio de 15:30 a 19:00.



