
Este mércores 5 de xuño, o noso patio e outros espazos do centro enchéronse de vida coa celebración da Feira de Proxectos, unha cita moi especial que permitiu amosar a toda a comunidade educativa o traballo realizado polo noso alumnado ao longo do curso. Foi unha tarde diferente, na que moitas familias, antigos alumnos e amigos do colexio se achegaron para gozar, compartir e sorprenderse coa creatividade e o esforzo dos nosos estudantes.
A feira reuniu proxectos de todas as etapas educativas, desde Infantil ata Bacharelato. Os máis pequenos recrearon o seu propio supermercado; tamén construíron castelos medievais, transportáronnos á antigüidade, e puideron participar en actividades científicas cheas de curiosidade como un sistema solar no medio do patio, unha liña do tempo xigante, diferentes plantacións… En Secundaria e Bacharelato destacaron propostas como maquetas urbanas, exposicións históricas, viaxes virtuais e experiencias de laboratorio como a disección de órganos, onde os visitantes puideron observar e manipular materiais pouco habituais no día a día. Ademais, algúns alumnos presentaron unha aplicación vinculada ao uso de satélites e sorprenderon cos seus coñecementos tecnolóxicos. Non faltaron obras de arte con perspectiva cónica, deseño en 3D, campañas publicitarias, etc.
Moitos destes proxectos xorden do estilo educativo e pedagóxico do Centro, que a través do equipo de innovación e o estilo salesiano, pretende dar protagonismo ao alumnado no proceso educativo, nas súas diferentes etapas e capacidades. Ademais, grazas ao marco que ofrece o proxecto Polos Creativos, impulsado pola Xunta de Galicia, o noso centro conta con máis recursos como placas micro:bit, kits de robótica, lentes de realidade virtual, cortadora láser, etc. Grazas a este equipamento, á nosa Aula Maker, e á aposta polas metodoloxías activas, fomentamos unha aprendizaxe práctica, creativa e colaborativa, apostando por unha educación innovadora que prepara ao noso alumnado para os retos do futuro. Proxectos como os contos audiovisuais de 4.º da ESO —creados a partir das ideas dos nenos de Infantil— ou o deseño de viaxes virtuais son só algúns exemplos do potencial que se desenvolve nas nosas aulas.
Non faltou o ambiente festivo, cun photocall para levar un recordo (imaxes dispoñibles nun cartafol na galería) e moitas ganas de compartir o orgullo do aprendido. Desde Salesianos A Coruña queremos dar as grazas a todas as familias, alumnado e profesorado porque coa súa implicación fixeron posible esta feira.
Seguimos medrando e soñando xuntos, porque Somos Futuro!



