O noso alumnado de 1º de Bacharelato triunfa no certame Rec Curta con dúas creacións audiovisuais propias

101

O alumnado de 1º de Bacharelato participou con grande entusiasmo e talento na nova edición do concurso Rec Curta, unha iniciativa promovida por Escolas Católicas que ten como obxectivo fomentar a creatividade, o traballo en equipo e a expresión audiovisual do alumnado de centros educativos de toda Galicia. O certame convida a reflexionar sobre valores humanos e sociais a través da creación de curtametraxes orixinais.

O noso centro presentouse con dúas pezas moi especiais:

“Quérote, avoa”, unha curta que pon o foco na importancia de dedicar tempo e coidado ás persoas que queremos, especialmente ás maiores.

“Theraphosidade”, unha proposta visual e simbólica que reivindica o valor da perseveranza e a disciplina como camiño para acadar os soños.

O excelente traballo do noso alumnado foi recoñecido cun total de cinco premios entre os que destacan as seguintes categorías:

🎬 Mellores efectos especiais e maquillaxe

🎭 Mellor actor principal

👥 Mellor actuación feminina grupal

🌿 Mellores espazos exteriores

Desde o centro queremos felicitar todo o grupo polo seu esforzo, creatividade e compromiso. Estes recoñecementos son o reflexo dun traballo ben feito e dunha aposta pola arte como ferramenta educativa.

Previous articleFesta da familia AMPA 2025
Next article1º Bto. comparte a música tradicional galega con migrantes en Teranga.