Un éxito a proxección de contos audiovisuais no noso teatro!

103

Esta tarde, o teatro do noso centro encheuse de maxia e ilusión coa esperada proxección de contos audiovisuais, froito do esforzo e a creatividade dos nosos alumnos de 4º de ESO. Este evento, enmarcado dentro dun proxecto de aprendizaxe-servizo, foi unha oportunidade marabillosa para que os nosos estudantes puxesen o seu talento ao servizo dos máis pequenos.

O proxecto comezou coa escoita atenta dos desexos e preferencias dos nenos de 4º de Infantil do noso cole e dos maiores da Escola Infantil Zalaeta, que compartiron os seus personaxes favoritos, escenarios soñados e acontecementos ideais para os seus contos. A partir destas ideas, os alumnos de 4º de ESO elaboraron historias a medida, deseñaron as imaxes e, finalmente, crearon unha montaxe audiovisual que cobrou vida na gran pantalla do teatro.

O evento foi conducido de maneira brillante polas nosas presentadoras, que coa súa simpatía e desbordante enerxía lograron captar a atención do público desde o primeiro momento. A emoción e a alegría reflectíanse nos rostros dos nenos, que non deixaron de aplaudir e celebrar cada historia proxectada. O seu comportamento foi exemplar, demostrando interese, respecto e entusiasmo durante toda a sesión.

Desde o colexio, queremos felicitar a todos os alumnos de 4º de ESO polo seu esforzo e dedicación neste proxecto, así como agradecer aos docentes implicados e aos nenos de Infantil e da Escola Infantil Zalaeta pola súa participación e entusiasmo. Sen dúbida, esta experiencia foi enriquecedora para todos e nos deixa co desexo de seguir fomentando a aprendizaxe a través da creatividade e o traballo en equipo.

Grazas a todos por facer desta proxección un momento inesquecible!

Se non poidéchedes vir á proxección no teatro e queredes ver os contos, pinchando na imaxe podedes ver un resumo do proxecto de aprendizaxe-servizo:

 

Previous articlePlanes de nuestra fiesta de Don Bosco!
Next articleConverxencias, Arte e Ciencia