
Os pasados 22 e 23 de outubro, os nenos e nenas de 6º de EP tivemos a oportunidade de gozar de dous días de convivencia na Casa Salesiana de Castrelo, en Cambados.
O xoves comezamos a xornada cuns Bos Días especiais e diferentes. Ao rematar, subimos ao autobús rumbo a Cambados. Unha vez alí, coñecemos os diferentes espazos do Pazo do colexio e repoñemos forzas cunha merenda. A continuación, achegámonos á granxa escola para visitar os animais, que algúns xa coñeciamos de anos anteriores.
Despois da visita, instalámonos nas habitacións e compartimos xuntos a comida no patio do colexio.
Coas forzas renovadas, puxémonos en marcha para realizar a Ruta da Pedra e da Auga. Foi unha camiñada longa e con algún tramo pedregoso, pero pagou moito a pena! Chegamos ata o mosteiro de Armenteira, onde Xabi nos contou algunhas curiosidades sobre a súa historia. Alí tamén tivemos a oportunidade de visitar a igrexa, a capela e o claustro.
De volta no colexio, despois dun pequeno descanso e da merenda, participamos en diferentes dinámicas nas que reflexionamos sobre como fora a ruta e sobre o noso propio camiño ao longo da etapa de Primaria, poñendo en común tanto os aspectos positivos como aqueles que nos gustaría mellorar.
Pola noite, despois da cea, chegou o momento de pasalo ben xuntos cunha sesión de xogos musicais.
O venres continuamos afondando nas nosas relacións cos demais. Reflexionamos sobre as características que debe ter un bo amigo e sobre aquelas que cada un e cada unha de nós achega ás nosas amizades.
Para rematar estas convivencias, celebramos xuntos unha pequena Celebración da Palabra. Foi un momento para dar grazas por estes dous días compartidos, que de seguro nos axudarán a seguir medrando, camiñando xuntos e sendo protagonistas da nosa propia historia.
Deixámosvos algunhas fotos destes dous días tan especiais!



