Proxecto EF: ” Ti ensínasme, eu ensínoche”.

204

Outro ano máis —e xa van tres—, o alumnado de Primaria levou a cabo o proxecto “Ti ensínasme, eu ensínoche”, no que convidan aos seus avós e avoas a participar nas sesións de Educación Física para xogar con eles e, posteriormente, ao resto de membros das súas familias.

Este curso participaron máis de 200 persoas, entre avós, pais, nais, tíos e irmáns do alumnado de Primaria.

Na primeira fase do proxecto deste ano, os alumnos e alumnas convidaron, segundo o curso, a practicar xogos tradicionais, a iniciarse no deporte da esgrima, a gozar dun baile con Dance Revolution EF e a lembrar e aprender primeiros auxilios: desde como realizar unha RCP ata como actuar ante un atragoamento.

Todas as persoas que tivemos a oportunidade de participar fixémolo con moito interese e nun ambiente familiar inmellorable.

Agardámosvos con moitas ganas na segunda fase do proxecto, que terá lugar na terceira avaliación, para seguir aprendendo xuntos.

Ademais, con posterioridade, o noso colexio, desde a área de Educación Física, continúa colaborando na formación de futuros mestres e mestras. Nesta ocasión, este proxecto presentouse ao alumnado da facultade de Maxisterio.

Xunto ás 200 familias participantes, nesta fase tamén tomaron parte 120 futuros docentes, que puideron aprender e lembrar como actuar en situacións de emerxencia: desde chamar ao 112 ata intervir ante un ataque de epilepsia, casos de hipo e hiperglucemia, atragoamentos, realizar unha RCP básica ou utilizar un desfibrilador.

Grazas a todas as persoas participantes por formar parte desta aprendizaxe tan importante!

Previous articlePrácticas laboratorio Bioloxía 1°Bto.
Next articleAmbientes infantil