Entroido en EI e EP

191

O Entroido chegou ao noso colexio cargado de maxia e diversión. Este ano contamos cun protagonista moi especial: o Trasno do Entroido, que ao longo da semana nos foi deixando mensaxes coas consignas de vestimenta para cada día.

O luns trouxemos algo que fixese música, enchendo o centro de ritmo e son. O martes foi a quenda de levar algo divertido ou esaxerado, e as risas estiveron máis que aseguradas. O mércores brillamos máis ca nunca con prendas e complementos cheos de luz. O xoves sorprendeunos a creatividade con maquillaxes orixinais e debuxos pintados na cara.

E por fin chegou o venres, o gran día da festa, no que cada quen puido vir co seu disfrace libre e dar renda solta á imaxinación. A mañá comezou aprendendo un pouco máis sobre o Entroido en Galicia e sobre algúns dos personaxes máis representativos das distintas zonas, como os Peliqueiros de Laza, as Pantallas de Xinzo de Limia ou os Cigarróns de Verín.

Despois dun tempo de recreo acompañado de moitos doces típicos destas datas, todos nos diriximos ao edificio de Infantil para realizar un obradoiro conxunto no que preparamos os complementos para os xogos da tarde. Foi un momento estupendo de colaboración e convivencia entre os distintos cursos.

A xornada continuou no pavillón cun tempo de xogos compartidos e puxo o broche final o fantástico desfile de cada curso, no que puidemos lucir os nosos disfraces diante de compañeiros e profesorado.

Sen dúbida, foi un día estupendo cheo de alegría, aprendizaxe e espírito festeiro.

Previous articleTeatro en inglés en EI e EP
Next article3º e 4º EP visitan a granxa escola Serantellos