
O pasado venres 9 de maio de 2025, 33 estudantes de Bacharelato e a comunidade educativa vivimos un emotivo acto de fin de estudos no noso cole, marcando o peche dunha etapa educativa e o inicio dun novo camiño nas súas vidas.
Unha traxectoria compartida
A maioría dos estudantes, de 17 e 18 anos, formaron parte do colexio durante 15 anos, mentres que outros, aínda que seguiron diferentes itinerarios formativos, quixeron sumarse a este momento tan importante. O evento reuniu a familiares, amigos, docentes e representantes da institución, destacando o valor da convivencia e os lazos forxados durante a súa estancia no centro.
Celebración relixiosa e acto académico
O acto comezou cunha celebración na igrexa do colexio, onde o Director da Obra Salesiana, D. Xabier Blanco SDB, dirixiu unhas palabras á mocidade, convidándoos a reflexionar sobre o perdón, a gratitude e as oportunidades que lles depara o futuro. Pola súa banda, D. Enrique Carretero, como presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumnas de Don Bosco, animounos a manter a súa vinculación co centro a través da asociación.
Posteriormente, no teatro, desenvolveuse o acto académico, onde profesores, familiares e os propios estudantes compartiron anécdotas e mensaxes de agradecemento, acompañados dun vídeo emotivo que repasou os momentos máis significativos da súa traxectoria. Tras a imposición das bandas, a Directora do colexio, Dña. Pilar Sanjurjo, clausurou o acto recoñecendo o esforzo do alumnado, a dedicación do profesorado e a confianza das familias.
Desde aquí desexamos aos graduados éxito nos seus proxectos persoais e profesionais, lembrándolles que sempre terán as portas abertas na súa casa salesiana.
Moitas grazas familias por esta andaina xuntos!



