Celebrando o Nadal nos Salesianos

147

Durante os últimos días celebráronse diferentes actividades para celebrar o Nadal con toda a Comunidade Educativa, sendo o venres 20 de decembro o día máis grande dentro destas festas do Nadal.

Os eventos máis importantes comezaron o mércores 18 de decembro co festival de panxoliñas do alumnado de Primaria que mostraron a todas as familias, do mesmo xeito que fixeron os nenos de Infantil na tarde do xoves 19.

Pero o día grande celebrouse hoxe, venres 20 de decembro, por parte de todo o alumnado e profesorado do centro. A xornada comezou cos alumnos de Secundaria e Bacharelato na igrexa, onde recibimos a visita no tempo, grazas á nosa máquina do futuro, dun personaxe que nos puxo en contexto da celebración do Nadal.

A mañá continuou coa celebración dos nenos e nenas de Infantil cantando panxoliñas aos pequenos amigos da escola infantil Zalaeta e Teranga. Mentres, en Primaria, estiveron gozando dunha sesión de cine no teatro. Despois dun recreo compartido, os alumnos de Secundaria e Bacharelato mostraron as súas dotes artísticas aos seus compañeiros nun festival de panxoliñas moi divertido, onde se mesturou o humor dos presentadores, a interacción co público no viral “pim-pam-pom-EnSalesianos” e, como non, as tradicionais panxoliñas. A mañá rematou despedindo o ano dunha maneira especial, coas 12 badaladas que acompañamos con 12 lacasitos…

Xa pola tarde, na igrexa, asistimos a unha viaxe no tempo onde María e Xosé, cos Reis Magos, os pastorciños e unha estrela xigante, presentáronnos o Misterio do Nadal. E antes da festa final, ‘Mari-buru’ e ‘Danitxu’ retransmitiron as 12 badaladas, as máis orixinais de toda A Coruña.

Ao final desta entrada deixámosvos unha serie de imaxes como recordo do día.

 

Campaña de Advento

Durante as últimas semanas un autobús acompañounos na nosa viaxe, e cada semana de Advento, ademais de acender unha vela que nos indicaba a próxima chegada de Xesús, foron subíndose diferentes personaxes: María, Isabel, Xoán Bautista… As titorías, celebración da reconciliación, obradoiros… dinamizaron esta preparación.

 

Operación Quilo

Durante o mes de decembro, en toda a obra salesiana recolléronse quilos e quilos de comida para entregar a familias do barrio. Coordinados dende o Centro Xuvenil Abeiro, e coa implicación directa de Cáritas parroquial e da Fundación Juan Soñador, todos os ambientes da obra participaron achegando quilos de comida e esperanza nestas datas tan especiais.

Festival de Panxoliñas para as familias

A tarde do mércores e do xoves foi especial para todas as familias de Infantil e Primaria porque os pequenos actuaron para os seus pais, familia e amigos, presentando a panxoliña que levan ensaiando varias semanas. Os nervios víanse detrás do escenario pero tamén no patio de butacas. O espectáculo foi marabilloso, onde todos gozaron moito, cantaron emocionados tanto os maiores coma os pequenos no escenario. Este festival tivo carácter solidario, xa que a entrada ao festival foi de balde achegando un quilo de comida para a campaña da Operación Quilo.

As actuacións estarán dispoñibles proximamente na Intranet Multimedia do centro, á que teñen acceso tanto pais coma alumnos co seu usuario da Plataforma Educamos.

Festa de Nadal do ANPA

O xoves 12, os nenos e nenas que forman parte do ANPA estaban convidados a participar nos obradoiros que organizaron dende a asociación. Ademais, houbo un Bingo Solidario e o sorteo de dúas cestas de Nadal entre os asistentes.

Outros ambientes tamén se sumaron á campaña de Nadal

Tamén dende a Parroquia de María Auxiliadora, San Pío X e San Roque, así como o Club Deportivo, a Asociación de Antigos Alumnos, ANPA, etc., están a realizar as súas actividades enmarcadas na Campaña de Nadal para celebrar a vinda do Neno Xesús, Deus feito home que vén a lembrarnos unha vez máis que Somos Futuro.

Previous articleFestival de panxoliñas coas familias
Next articleOs maiores da ESO creando para os peques de 4ºEI!