
Os pasados 24 e 25 de outubre os nenos e nenas de 6º EP tivemos a oportunidade de pasar dous días de convivencias na casa Salesiana de Castrelo, en Cambados.
O xoves, como era 24, compartimos os bos días na Igrexa co resto de compañeiros e compañeiras de infantil e primaria. Ao remate saímos no bus cara Cambados. Á chegada ao pazo do colexio puidemos coñecer os espazos e repoñer forzas coa merenda. A continuación, realizamos unha pequena visita aos animais da granxa escola, que xa coñeciamos de visitar en anos anteriores.
Despois da visita instalámonos nas habitacións e puidemos disfrutar xuntos da comida no patio do colexio.
Tras repoñer forzas puidemos saír a facer un tramo da ruta da Pedra e da Auga. Aínda que foi unha camiñata longa e con algún pequeno momento de choiva, encantounos!
Regresamos ao colexio e despois dunha ducha, descanso e a merenda, realizamos unhas dinámicas nas que analizamos como foi a ruta que fixemos e como foi o noso camiño pola etapa de primaria, cos seus aspectos positivos e negativos.
Pola noite, trala cea, desfrutamos xuntos dun tempo de xogos no pavillón.
O venres puidemos seguir afondando na nosa relación cos demais, analizando que características consideramos que debe ter un bo amigo e cales cumprimos cada un e cada unha de nós.
Rematamos as convivencias cunha pequena celebración da palabra na que puidemos dar grazas por estes dous días de convivencia que seguro que nos axudan a seguir medrando, camiñando e sendo futuro xuntos.
Deixámosvos algunhas fotos destes dous días.



