
Chegou o día 31 de xaneiro, día de Don Bosco, un gran día de festa no noso centro!
Iniciamos a xornada de festa coa celebración na igrexa, á que seguíu a degustación da tradicional merenda especial deste día, chocolate quentiño cun pastel, servido pola ANPA.
Despois da degustación, os nenos e nenas de EP tiveron as finais dos BoscoTorneos de Xadrez, Conecta 4 e Buxaina, nos que participaron nos recreos das últimas semanas.
Unha vez coñecidos os gañadores, en EI-EP estivemos a desfrutar o resto da mañá dos xogos que os propios nenos prepararon en Ed. física no primeiro trimestre.
Na ESO e bacharelato, desfrutamos dunha gran velada no noso teatro, Boscovisión. Cada clase, representando a un país, pasou polo escenario para deleitar ao público con actuacións instrumentais, fragmentos de clásicos dos musicais, bailes, unha obra teatral… A gran variedade e a calidade das actuacións foi a clave para que todos estivésemos expectantes durante toda a gala.
Acto seguido, a animación pasou ás gradas do pabillón, xa que na pista dábase cita a final de Interclases, un torneo de fútbol no que todas as clases de ESO e bacharelato estiveron participando ao longo das últimas semanas.
Xogos e deportes colectivos foron as actividades que encheron a tarde festiva dos maiores. No caso dos máis pequenos, a velada artístico-musical foi a gran posta en escena das actuacións por cursos que estiveron semanas ensaiando.
Grazas a moitos antigos alumnos e alumnas por vir á que foi e será sempre a vosa festa, vese que é dos momentos que quedan gravados nos corazóns.
Podemos dicir que foi un día cheo de xogos, festa e ledicia ao estilo de Don Bosco, o fundador das Casas Salesianas.
Aquí tedes un recopilatorio dalgúns dos momentos do día.
Celebración na igrexa:
Veladas de todas as etapas:
Xogos e Deportes:
Finais dos BoscoTorneos e Interclases:



