Resumo actividades 1º Trimestre

219

Aquí vos deixamos un resumo dalgunhas das actividades complementarias que levamos a cabo no noso cole ao longo do primeiro trimestre.

Despedida do ano e benvida ao Nadal

No noso cole celebramos as nosas propias badaladas o último día de cole deste ano 2023! Fíxonos moita ilusión despedir esta última xornada escolar do ano cos nosos compañeiros. 

O noso teatro albergou o festival de panxoliñas dos alumnos de ESO e bacharelato, con cantos e interpretacións instrumentais fixeron que as delicias de todos nunha mañá festiva. Tamén compartimos tempo xogando e facendo deporte. 

O noso alumnado de EP foi cantar panxoliñas a escolas infantís e centros de día para persoas maiores do noso ao redor. Foi unha experiencia moi gratificante e emocionante, tanto para o público coma para o alumnado!

Mostra de actividades de aula

Propoñémosvos visitar o noso Instagram para non perdervos unha pequena mostra dalgunhas das actividades de aula que fixemos ao longo deste primeiro trimestre.

https://www.instagram.com/salescoruna/?hl=es

Xesto da Operación Quilo

Un ano máis, fixemos un acto colexial conxunto no que nos xuntamos toda a comunidade educativa. Estabamos invitados todos os alumnos, familias, profes e persoal de servizos do cole, co obxectivo de facer un xesto simbólico que dese visibilidade á recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade levada a cabo por todos nós nestes últimos días. Agradecemos moito, unha vez máis, a vosa colaboración para axudar as familias que máis o precisan na nosa contorna. 

Festival de panxoliñas

No noso teatro, familias, alumnos de primaria e profes compartimos xuntos a celebración do Nadal co noso festival de panxoliñas. 

Convivencias da ESO e  bacharelato.

Ao longo deste primeiro trimestre, os alumnos dos distintos cursos da ESO e do bacharelato tivemos a oportunidade de compartir uns días de convivencia para coñecernos mellor entre nós, facer piña coma grupo de curso e tamén para coñecernos mellor a nós mesmos. Xogos, bailes, xornadas do Camiño de Santiago, momentos de reflexión persoal, un montón de momentos compartidos que, de seguro, quedarán na nosa memoria para o futuro como momentos importantes da nosa andaina polo colexio Salesianos. 

Bacharelato dual

Os nosos alumnos e alumnas do bacharelato dual seguen a formarse no noso propio centro, empregando tamén a realidade virtual para algunhas das actividades que levan a cabo. Estes son os novos alumnos que se incorporan aos estudos do bacharelato dual neste curso académico. Noraboa aos nosos alumnos e alumnas, tamén aos que xa o veñen cursando de anos anteriores, polo voso esforzo e resultados acadados. 

Pleno infantil 

Alumnos de 6º EP representaron ao noso centro educativo no pleno infantil organizado polo Concello da Coruña. Tivemos a oportunidade de trasladar ao goberno da nosa cidade, en primeira persoa, aquelas cuestións que nos preocupan máis coma nenos e nenas e tamén lle presentamos as nosas propostas. Días máis tarde, a alcaldesa veu ao noso cole para cumprir a promesa que nos fixera no pleno, plantar un arbusto no xardín do noso cole. Podedes ver máis fotos deste momento no noso Instagram.

Visita dos bombeiros

O alumnado de 4º EP tivo a oportunidade de pasar unha mañá cos bombeiros da nosa cidade, que viñeron ao noso cole para darnos unhas nocións sobre a prevención de lumes, cómo actuar en caso de emerxencia e mostrarnos os seus equipos de protección para traballar.  

Día do neno/a

O 20 de novembro celebramos o día do neno/a. Fixemos un mural coas nosas fotos e as nosas pegadas, onde visibilizamos os dereitos da infancia. Aquí tedes alguhas fotos do noso traballo.

Thanksgiving day

Aquí vos deixamos unha pequena mostra visual desta actividade organizada polo equipo de Plurilingüismo do noso centro e que nos gusta tanto cada ano. Un día adicado a agradecer o que consideramos o máis importante para nós!

Magosto solidario e celebración do Samaín.

Un ano máis, coma xa é tradicional no noso cole, celebramos o Samaín cunha festa colexial, onde todos o alumnado do centro, dende educación infantil ata bacharelato, compartimos unha tarde chea de maxia. Teatro, manualidades compartidas entre pequenos e maiores e, para rematar, o noso magosto solidario.

Moitas grazas, familias, pola vosa gran participación no concurso de cabazas e debuxos de Samaín!  

Viaxe a Reino Unido

Algúns alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO viaxaron a Reino Unido con profesorado do centro, co obxectivo de ter unha experiencia de inmersión na lingua inglesa. Foron varias as cidades que visitaron e moitas as experiencias vividas. Polo que contaron, unha gran experiencia que repetirían sen dúbida. Aquí vos deixamos unha pequena mostra, pero no noso Instagram podedes ver moitas fotos máis desta viaxe.

Artículo anterior20N en Educación Infantil
Artículo siguienteCompartiendo los regalos de Navidad