
Hoxe, 20 de novembro, o alumnado de 6º de Educación Primaria participou no Pleno Infantil organizado polo Concello da Coruña, unha iniciativa que se celebra cada ano con motivo do Día Mundial da Infancia, no que se conmemora a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno.
Nesta ocasión, o noso alumnado centrou a súa intervención nun dereito fundamental: o dereito ao ocio e ao tempo libre. Durante a preparación da actividade, reflexionamos sobre a importancia de que todos os nenos e nenas dispoñan de tempo para xogar, descansar, divertirse, practicar deporte e compartir experiencias con outras persoas. Porque xogar non é só pasalo ben: tamén é unha maneira de aprender, medrar, relacionarse e desenvolver a nosa creatividade.
No pleno tivemos a oportunidade de dar voz ás nosas ideas e facer chegar ao Concello diferentes propostas para mellorar os espazos da cidade que empregamos durante o noso tempo libre. Falamos da necesidade de contar con parques, zonas de xogo, instalacións deportivas e espazos públicos seguros, accesibles, coidados e adaptados ás necesidades da infancia.
Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que puidemos comprobar que a nosa opinión importa e que tamén temos moito que dicir sobre como queremos que sexa a cidade na que vivimos.
Porque A Coruña tamén é nosa e queremos contribuír a construír unha cidade na que todos os nenos e nenas poidamos xogar, gozar e medrar en liberdade!



